Volver a vieiros

Onde sempre é bosque

A banda do monte a banda do río

O centro do mundo estaba no lugar da Porta dos Mariños, na aldea de Pazos, na freguesía de Iria Flavia, no Concello de Padrón. O centro do meu mundo. Así foi por moitos anos, ata que comecei esta serie de afastamentos e migracións que algún día han rematar. Hai agora un par de meses, cando nai me achegou unha filloa aínda quente para que eu apreciase se estaban boas de sal, que sempre foi o meu cometido o de catador das delicias que nai prepara, sentín que dun arquivo perdido da memoria se achegaba aquela xeira marabillosa, onde fun feliz nas exploracións diarias da natureza que nos arrodeaba.

No verán, pasadas as angustias dos exames, íamos a aldea a vivir case tres meses nunha especie de paraíso estival, que nos afastaba das estreituras dun piso en Compostela, que abría os nosos sentidos e nos proporcionaba á familia toda unha morea de experiencias que foron fraguando o noso carácter de clan. Centrado como estaba no descanso e libre de obrigas e responsabilidades, pasaba horas enteiras deitado no canapé que había no galpón a ler novelas de aventuras e a soñar con doncelas e con elfos de beleza sen igual. De cando en cando, nuns cadernos que o paso do tempo foi amarelando, escribía poemas sen moito xeito ou inventaba diálogos románticos entre mozos e mozas que nunca coñecera. Cando o tempo estaba soleado, que non era sempre por mor deses vaivéns que a nosa meteoroloxía ten, saía a pasear sen rumbo fixo, a dar unha volta polo monte ou a visitar a banda do río para tomar baño e colectar bolboretas, que logo cravaba con alfinetes nuns cartóns, con crueldade non disimulada.

Cando a escolla era o monte, saía polo portón da horta que se abría entre a figueira, que un día levou por diante o furacán Hortensia, e a carón do taller de carpintería dun meu tío-avó que hai tempo adoptara como o avó do que nunca se falaba. Do portón de carballo pintado dun verde comesto pola humidade, saía á pista forestal que levaba ata Pedroso do Norte e ata Lampai, e logo de pasar por baixo as pólas dun freixo que medrara sen control no balado sur da horta, escollía seguir pola encosta que levaba ata a mina de auga que servía a nosa casa. Pasada a morada do Montuno seguía por un carreiro estreito ata atravesar o rego e dar nas brañas do Sarrulo e Xan de Abelleira, onde un día de confidencias Antón o Careto, a quen chamabamos entre nós Toni, me ensinara a manexar a gadaña con habelencia en troques de que eu lle aprendera unhas verbas en inglés, pois quería medrar ás présas, deixar a aldea de contado, e saír navegar polo mundo adiante. Atravesando carballeiras e prados contornados de ameneiros e sanguiños, de bidueiros e pereiras bravas, de salgueiros e de olmos, chegaba gabeando polas vertentes onde no inverno corría a enxurrada ata un lugar magnífico, do que nunca souben o nome, onde había dúas pedras xémeas, enormes cons que se divisaban ao lonxe dende a varanda da traseira da casa, e nos que un amigo do meu case-avó me contara que, no inicio da primavera, casaban os paxariños. Detíñame alí por vez primeira a rillar unhas amoras ou uns peros que atesouraba no peto da camisa. Logo de tan minguada colación, emprendía a subida final ata chegar á cima do Castelo, onde se dicía que estiveran os mouros e que eu prefería ao monte de Meda, que é un bocado máis alto pero menos salvaxe. Do Castelo ollaba para o horizonte todo, e guiado por unha forza interior abraiante sentíame o dono do mundo, presto para grandes aventuras, irmán pequeno de Galahaz, pois era e aínda son de feble condición, máis próximo a un doncel ou a un escudeiro que a un cabaleiro de helmo e de celada. Do Castelo víanse os montes todos da contorna, inzados de piñeiros e carballos, pequenos cadoiros minúsculos e corgas escuras intuídas entre as árbores do bosque. Na distancia, inmenso, o curso baixo do Ulla, que vai desaugar máis alá de Catoira. A última vez que alí estiven, xa maduro, observando o por do sol nunha tarde de agosto, pareceume estar vendo a escena final de Apocalypsis Now, e ser o Ulla o Mekong galego.

Cando a escolla era a banda do río, saía pola porta dianteira que daba ao emparrado e a eira, e logo de atravesar a estrada xeral cruzaba a carballeira do Polo, a galería e o portón do Gago, a casa encantada da Caduca e o alboio en ruínas onde afumaban Maruxa a Lameira coa súa prole inmensa, e chegaba daquela á casopa onde moraban os Caninos. Alí tiña dúas opcións, ben seguir a costa entre falsas acacias que levaba ata os prados de A murada e atravesando a vía do tren, achegarme ata o Muíño de Paisais, ou coller cara ao sur na dirección de Anteportas, e pasada a casa da Manchada e dos Caretos, contornaba a parra no eirado de Carme a do boliche e atravesaba a bueira dun rego onde sempre nadaban píntegas, bebía un grolo nunha fonte que dicían milagreira e seguía por Cambelas e a eira da Parrula ata os Pasos de Rabelo, que permitían atravesar o curso baixo do Sar. Era ese o camiño preferido nas tardes de moito sol en que o que máis prestaba era tomar baño na Curva da areeira, onde non cubría moito e podía nadar totalmente espido e protexido en todo da ollada dos curiosos pola follaxe das moitas abeleiras que naquel posto había. As raiolas que entre as árbores fisgaban facían que secase de contado, encamiñándome logo polo bosque ata que entraba a noitiña polas congostras da banda do río, terra selvática onde abundaban as amoras e os escornabois, onde as camisas das cobras penduradas das cachopas daban idea da súa abundancia e facían apurar o paso cando sentía un ruído entre toxos, fentos e silveiras. Había no mato desa banda do río unha variedade de árbores inmensa: olmos, chopos, salgueiros, carballos, concheiros, abeleiras, espiños, érbedos, acacias, choróns, piñeiros de todo tipo, e toda unha pléiade de sebes e de arbustos. A última vez que alí estiven, xa maduro, observando a noite achegarse por entre o bosque mesto, sentinme no medio e medio do Corazón da Escuridade, alí onde reinaba o delirio do Capitán Kurtz.

O centro do mundo estaba no lugar da Porta dos Mariños, na aldea de Pazos, na freguesía de Iria Flavia, no Concello de Padrón. Cando o tempo estaba soleado, saía a pasear sen rumbo fixo, a dar unha volta polo monte ou a visitar a banda do río para tomar baño e colectar bolboretas, que logo cravaba nuns cartóns con crueldade non disimulada. A memoria deses paseos apareceu de súpeto, extraída dunha gabeta antiga cando nai me pasou unha filloa aínda quente que, como a madalena que Proust mollara no té, fixo acordar en min todo un tempo pasado e unha morea de sensacións.

Foto de Xabier Queipo

Xavier Queipo

Xavier Queipo naceu en Santiago de Compostela en 1957. Biólogo, escritor e tradutor, ten publicado varias novelas e libros de relatos, entre eles, "Diarios dun nómada", "Contornos: Apuntes de filosofía natural" e "O ladrón de esperma". A súa última obra literaria é "Dragona". Traballa en Bruxelas como técnico experto en cuestións de pesca.

Galería

Foto do monte Pazos Foto do monte Pazos Foto do monte Pazos Foto do monte Pazos Foto do monte Pazos Foto do monte Pazos

Localización

Mapa de localizacións

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:




Este espazo esta patrocinado por:
Consellaria de Cultura e Deporte Consellaria do Medio rural