Volver a vieiros

Onde sempre é Bosque

Mar Pequeno e Mar Grande

Os veráns dos anos postremeiros da nenez foron máis veráns que os das outras vidas. Os vosos non? Iso lembro agora ante a desfeita, no medio do estrago. Comezaban coas peras urracas e remataban cos figos serodios, de San Miguel, e polo medio desfilaban pexegos, cirolas, fatóns e peras, todas de moitas razas diferentes. Uvas non que na mariña non hai uvas, faltan horas de sol e sobra humidade durante todo o ano.

Tanto daba que fose na vila ou na aldea, no verán sempre había mar. Claro que era mellor na aldea porque había dous mares e dúas praias con menos xente e con máis aventura. A aldea tiña O Mar Grande, co seu enorme saurio no medio, varado na baixamar, grande area aberta de ondas ruxidoiras, con entretidas rochas, furnas e, en marea baixa, moitas pozas morada de caranguexos, queimacasas, camaróns e lorchos, obxecto dos nosos safaris mariños. E tiña tamén o Mar Pequeno, chaira de area e lama, sen ondas nin turistas, reino dos longueiróns e dos cagulos, da xorra e dos berberechos, paisaxe de lacustre amenidade co millo a pe de praia e a súa ponte ao fondo. Nas mareas vivas o Mar Grande, praias e acantilados, convocábanos a aventura do polbo. Nos días sinalados, ás veces antes de alborecer, acudiamos armados de garfos mangados en longos paus de cerdeira, iamos cachear as tocas onde moraban as prezadas e estrañas criaturas. Sempre apañabamos algún e regresabamos a casa co trofeo aínda vivo.

Tamén tiñamos, para o noso exclusivo lecer, o Mar Pequeno, foz ampla, que viraba de lago apracíbel na enchente a rego de camiñar apurado, perigosa corrente, na baixamar. Nel practicabamos a sorte do sal por atraer os longueiróns á superficie, faciámolos saír como foguetes fóra da area e asomar o cabo do sifón. Procurabamos os buratos con forma de pechadura e botabamos un chisco de sal neles, se había bicho, ao pouco, un burbullar de auga e area anunciaba a presenza do habitante que despuntaba de contado e era apañado sen dificultade cando xa tiña parte do corpo fóra. Ás veces adiantabámonos a botarlle a man cando aínda non estaba ben asomado e, entón, el deitaba o sifón que deixaba atrás e comezaba a furar, a cavar cara abaixo. Non había quen os puidese apañar, nin co sacho, sempre furaban máis axiña que nós. Viamos o burbullar de auga e area na poza, sinal da fuxida cara ao fondo. Esta sorte do sal era algo máis lenta que a de atravesalos coa fisga, pero conservaba os bichos moito mellor por non ferilos. Na baixamar, co lago feito rego, tamén cavabamos na flor da area por apañar berberechos e ameixas en familiar alegría. O Mar Pequeno, a foz farturenta.

Iso lembro agora, mentres conto os guindastres que atormentan o horizonte da outra banda. Iso lembro no medio das cutres urbanizacións desta banda que fan desaparecer o mar que escoito. Iso lembro mentres busco inutilmente a fontela de auga ferruxinosa que saía da pedra, case a rentes do chan, ao pé do acantilado, e agora xace sepultada na area por mor dos cambios das correntes traídos polo insolente espigón veciño.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:





Xabier Paz

Xabier Paz

Reside en Vigo, onde exerceu diversos oficios. Doutor en Ciencias Biolóxicas, actualmente é investigador (biólogo pesqueiro) no Centro Ocenográfico de Vigo. Como escritor publicou os poemarios Sedimentos (2001), No canto do mar (2005), Filoxenia do sangue (2006) e Materia de Lucrecio (Xerais 2006). Tamén é autor de Follas do bacallau (Xerais, 2005), no que recolle a vida a bordo dos pesqueiros de gran altura, e da novela Renacer (Xerais, 2008).


Localización


Galería

Imaxe: P.Pernas/Barreiros.org Imaxe: Concello de Barreiros Imaxe: P.Pernas/Barreiros.org Imaxe: Concello de Barreiros

Xunta de Galicia. Consellería de pesca e asuntos marítimos.