Volver a vieiros

Onde sempre é Bosque

Guindastres

A cidade nova, que medraba con desorde e voracidade, derramouse logo neste vasto polígono a carón do estaleiro, a onde cheguei acubillada aínda no colo da miña nai.


Durante toda a infancia tiven que soportar a maldición das horas de entrada e de saída marcadas pola bucina industrial. Unha chamada estridente como o corveo dunha pega sobrevoando este aire sempre gris. Un sinal que te fura por dentro, que ritmicamente te sacode cunha urxencia de ambulancia, de coche de bombeiros, de desgraza.

 

Durante anos e anos, desde a fiestra, desde unha desas duascentas galerías aliñadas en bloques que se poden ver na miña rúa e onde nunca dan secado as medias e os calzóns, os monos de operario e as batas guateadas, dediqueime a observar o traballo no límite da auga.


Baixo o neboeiro continuo e os refachos de chuvia miúda albíscanse as luces de posición dos guindastres, suspendidos sobre as moles dos barcos abertos. Chega o eco musical das láminas de aceiro golpeadas. De cando en vez tremen no aire faíscas azuis. Estanse a erguer, medran. Dende a miña fiestra vexo como avanzan eses xigantes, eses enormes fetos mariños, como se lle apegan as costelas, como se recobren pouco e pouco da pel de metal, do ton do cobre enferruxado, do grimoso laranxa do minio, da perfecta, da sólida capa de vermello, de verde, de negro.

 

Entre a brétema e o leve cendal da poalla esta cidade parece alucinada e mutante, obreira e triste. E póñome a pensar se a chuvia caerá por riba das barcazas, das bateas, como caerá en Shangai ou en Bangkok, na Asia submisa, industrial e líquida.


Abaixo, na rúa, nas paredes lisas de cemento destes grandes bloques para obreiros, os lemas de grafitti son berros que escorregan, amolecidos pola humidade.

 

Se alguén fixese de verdade un souvenir, non unha cuncha nacarada con galeguiños de plástico, non un hórreo de madeira de escarvadentes, se alguén se decidise a facer algo que realmente resumise o espírito da cidade habería de dar, penso eu, cunha bóla de cristal cun guindastre de estaleiro. No medio da auga avolta un barullo de homes, barcos e edificios presos ao mandado do brazo de metal, como unha maldición.

 

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:





Rexina Vega

Rexina Vega

Rexina Vega é doutora en Filoloxía Románica e experta na obra de Álvaro Cunqueiro. Actualmente é profesora asociada do departamento de lingua española na Universidade de Vigo e profesora de lingua e literatura galega nun centro de ensino secundario. Cardume, a primeira incursión na creación literaria da autora, obtivo o Premio Xerais de novela 2007.


Localización


Galería

Arco da vella no peirao vigués / Flickr: Pablokdc ( http://www.flickr.com/photos/pablokdc/) . . .

Xunta de Galicia. Consellería de pesca e asuntos marítimos.