Oírase falar aqueles días que un barco azul de maior arboradura que un trincado, ben estivado no castelo de proa de caucho e madeira de ébano, ó seu paso por terra do Mañoto, cara á estribor corréraselle a carga e, para endereitar a goleta, tiveran que desprenderse dunha parte de fardos de aquela tan prezada goma virxe.
Ombreaban as Albas e a Carraca apenas esfollaba.
Íase quedando o mar a ollo e os mascatos auguraban o bo tempo.
Saíran a tentar –acaso a travesía fixera atracar algún robalo ós secos-. Tomaran rumbo ó sur, ó socairo do Cabo e, ó pasar o Tordeiro ameazante e o infausto Socabo, arrostraban a vil Costa da Morte e a buceta suspiraba entre as rutías.
As mulleres erguéranse ben cedo a habilitar os chismes: as sedelas: torcidas e anoadas crinas de cabalo que trouxeran de véspera de Chaín e Certeghuas. Eles, á procura dalgún patelo ou urola que a resaca guindara cara á praia e que, ó fin, servirían para iscar os anzois fortemente atalingados ás grupas.
- Teremos que vogar contracorrente, dicía o máis sabido de abordo, -a auga corre a sur cando o mar baixa-.
- Emproaremos ese azoute infernal dos xaramiños aínda que nos cubran os salseiros, até alcanzar o Roque (un baixío ó noroeste do Centulo), pode que alí asomase algunha chasca.
Ó chegar ó destino, trala longa e pausada singradura; Chuco, o do Marragho, que vogaba dacarto, tomou os remos e Ramón, o de maior baquía, que portaba nas mans o guión de couse, aseverou as marcacións e ordenou lanzar os estrames polo costado de sotavento. Non se sentiu trabada, nin se asinara peixe.
Escrutou o horizonte. Subitamente, co seu lene aceno, moveu a gorra dunha banda a outra, apertou o cello para que o sol non reflectise a dor na súa vista, mirou ó lonxe e, ó pé da escuma sólida, na flor da auga, aboiaba o recendo da cálida incerteza. Devagar, fóronse aproximando e as pupilas abríronselle como saín no pélago, como as ovas de polbo que espellaron da fondura o infortunio.
Retomaron o rumbo, e case ó recalar na arnela da Ribeira, xunto á Pedra do Rei, escóitase a voz sinistra do patrón.
-Agochade os chalecos que alumean, no tambucho de proa, a ver se don Luís, o contramestre, váinolos comisar.