-Bótalle unha!
Nubeiro bota unha e dúas, tres e catro. Loce o mar. Rebrinca ás veces e outras tantas vai mansiño de cabalos de gasoil cara ao peirao de sempre no solpor ou de amencida. A lonxa é unha maré de xente en terra de voces que cantan matemáticas, coma se as táboas, coma se as contas, coma se todo fose fulgor, remate, desaparición do peixe e lucería de coches terra adentro, dentro, cabo de lonxe, nin se sabe tanta trastornada.
Nubeiro bota a última na taberna de Baiuras, que ten viño de Cela e de Donón a un tempo; viño que canta no carolino e na cerámica, no peito do mar e no pau de buxo. A noite é. Vai de camiño. Beluso conduz a Udra coma un neno leva da mau aquel xoguete. Gaiteiro pérdese na noite e olla ao lonxe desde Ancoradouro, a praia das tantas recaladas cando hai medos. Escoitara dicir de Cabo Home e Soavela, Hío de Nerga e de Donón, ou viceversas que non lembra, tantos anos xa de cando na Terra do Medio abrira os ollos e os ouvidos ás novas luces, outras voces que son do mar de noso coma o pulpo e as sardiñas.
-Quero saber.
E sabe a noite a mar en craro, arde. E arrecende a auga do cacho nas almofías dos corredores das casas. Auga que espera a ser de mañá cedo, cando é a primeira luz do día de san xoán. Encantenón as cacharelas son noticia e corre o son das voces e dos ecos. Hío é pasada Aldán. E medra a noite en festa. Gaiteiro chuza e chega á vista do Cruceiro-Calvario máis fermoso do mundo, que saíra das maus de Ignacio Cerviño: christo que arde tamén hoxe en pedra distinta e ilumina ao músico cara á Nerga, que peneira o mar das Cíes. Praia que se fai de soño, areal das noites en misterio, pasos de lebre polas dunas, corredor, ponte de barco, galerna e galería a un tempo dos instintos de cadaquén que quer a danza e a ledicia. Paraíso. Nubeiro acouga e bebe un grolo, o viño que se alza en adubíos. “Donón e Barra, Melide”, escoitara dicir ao lonxe lonxe, coma se a fin da case terra, coma pecado dos espidos. A marabilla da paisaxe loce en luarada. Distinta a luz do Facho. Para onde vai agora a música da gaita, en solitario, desatenta a todas as chamadas de convivios. Para onde vai. Vai. Gaiteiro Nubeiro sobe en pé de cabra polo peito do Cabo, ese fuciño ou labre ou narís ou bico do Morrazo que bebe na fonte grande do mar, espellando Cíes, lambendo os peitos das Illas Casitérides, os niños dos araos, as vacalouras. A noite que non é prosegue avante coma un buque, un barco pirata, unha chalupa, un zoco de labrego en tolería. Zoquea o noso amigo da Terra de Abeancos en pasos longos de chegar axiña á lucería que din de Soavela, en pasado Cabo Home, en vista xa do santuario de Berobeo, o deus nutricio do atlántico norde, segundo as voces do proveito e relicarios. Soavela. O Facho. Donón. Berobeo. Fica meu señor da foliada, da xota e da muiñeira; o músico máis noso por autente e bebedor das uces e das luces, das fragancias do universo; fica, digo, en sono. E soña ser feliz por unha noite. Aquí.
Novo comentario
É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear
o teu Vieiros.
Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: