Palestina, dividida en cantóns que crecen cultural e economicamente dun xeito independente, caracterízase por unha unidade virtual que abrangue diferentes capitais: a anoréxica Faixa de Gaza, a histórica Hebrón, a mística Belén, a cobizada Xerusalén, a moderna Ramallah ou Nablus, a capital económica. No exterior, o prestixio de Nablus vénlle dado por ser un dos eixes de resistencia armada dentro dos Territorios; na zona, a fama outórgaselle á industria do xabón de oliva e, sobre todo, aos doces, en particular o knafe.
Nablus é unha das cidades máis grandes de Palestina e xa dende a era otomá mereceu unha importancia de privilexio polo feito de atoparse no medio do camiño das rutas comerciais. Ao redor das montañas que recobren o val foron asentándose comerciantes e viaxantes, e un dos núcleos de referencia para o movemento nacional arabista, oposto ao réxime turco, a colonización británica e a inmigración sionista despois. Dese espírito rebelde provén o alcume de Iabal il-Nar, Montaña de Lume-, co que se coñece a cidade, onde en 1963 os movementos de liberación declararon a República de Palestina, á vez que Israel a bautizaba como capital do terrorismo. E de ambas confesións naceu un mito que obrigou a pechar o val e acordoalo, asegurándoo con sete puntos de vixilancia militar israelí e prohibicións continuas de traspaso.
Malia a complicada reorganización xeográfica de Nablus, a cidade continúa a ser un dos motores económicos de Palestina. Os samaritanos, o grupo relixioso máis antigo do mundo, viven no cumio dunhas das montañas que vixían o lugar, e son froito de escapadas turísticas que permiten fragues ingresos para a zona. Sortear os asentamentos xudeus que regan as aforas da cidade é outra das aventuras anteriores á chegada á cidade, así como escapar das continuas incursións militares dentro do campo de refuxiados de Balata, berce de toda a vila.
Para celebrar milagres como o de Bassam Xaka’, alcalde de Nablus en 1980, que sobreviviu a unha explosión no seu coche; manter mobilizados os paralizados recursos dos que dispoñen e cancelar no máximo posible as restricións ás que están sometidos os nablusís, esta fin de semana Nablus entrou no Libro Guines dos records por cociñar o knafe máis grande da historia, coincidindo coa celebración do festival anual do comercio.
O knafe, un doce feito a base de queixo recuberto dunha masa de follado e bañado de pistachos, é un dos símbolos de Nablus e, esta fin de semana, das continuas ilusións do pobo palestino. Por isto, durante o evento estiveron varios diplomáticos estranxeiros, así como varios ministros palestinos e o propio primeiro ministro, Salam Faiiad, quen apuntou que Nablus engrandecera a súa fama como produtora de knafe e, amais, de esperanza para toda Palestina. Quizais, esgotadas moitas das posibilidades de metamorfosear pombas en días de paz ou palabras esforzadas en xornadas de calma, sexa o queixo o que una os pobos e faga a paz posible e duradeira.
Moncho Iglesias Míguez (Vigo, 1974). É mestre de castelán como lingua estranxeira en Belén, Palestina. Licenciado en Filoloxía Hispánica e doutorando en Filoloxía Galega. Coas súas crónicas, Moncho cóntanos de primeira man o conflito árabe-israelí. »