Escríbese este artigo o 1 de Maio, Día do Traballo. Como todos sabemos, esta data recorda os mártires de Chicago, sindicalistas norteamericanos executados en 1886 por reclama-la xornada laboral de 8 horas. Moito melloraron as condicións de traballo dende aquela, ou sexa, moito se avanzou na ecuanimidade das relacións entre empresarios e traballadores. Co adaxo da recesión, algúns intentan que este equilibrio, sempre inestable, volva bascular a favor duns e, xa que logo, en contra doutros.
As propostas das organizacións empresariais, dos "tanques de pensamento" económico liberal e dalgunhas institucións de distinta natureza son claras: a mellor fórmula para dete-la sangría do paro é a reforma laboral. O quid radica, loxicamente, no contido desa tal proposta reformista. En síntese, vén sendo o abaratamento do despedimento co argumento de que canto máis barato sexa despedir traballadores, máis contratacións haberá. A maneira de presentalo adoita ser a través do eufemismo da "flexibilidade laboral". Algún dirixente empresarial mesmo ousa falar do despedimento libre como "unha medida de carácter social".
Se cadra, a primeira cuestión a dirimirmos sería a relación causa efecto entre o modelo actual de relación laboral e a recesión. Repasando os factores causantes do abrupto cambio de tendencia no ritmo de crecemento económico mundial, non atopamos por ningures as condicións laborais. A crise é mundial, independente das leis que gobernen en cada país os contratos entre traballadores e empregadores, mesmo allea ó clima sindical de cada rexión e, incluso, ó tipo de política predominante. En resumo, a relación entre crise e mercado laboral móvese entre o conxunto baleiro e a nada.
Que motivos pode haber, xa que logo, para a teima dos círculos empresariais en torno ó mercado laboral? Ben, a resposta semella bastante obvia. Para a maioría dos empresarios, o factor humano considérase, ante todo, un elemento de custo que depende, en boa parte, da regulamentación laboral, tanto xeral como sectorial, así como dos respectivos convenios colectivos. O abaratamento do despedimento implicaría uns menores custos para as empresas nos momentos de menor produción que poderían prescindir de parte do seu persoal sen asumir gastos salientables. Desta maneira, manterían o seu nivel de beneficios trasladando o custo da súa menor actividade ó Estado, por unha banda, e ó propio colectivo laboral, pola outra. Así pois, estariamos ante un aumento relativo das rendas empresariais sobre as persoais, ou dito doutra maneira, das rendas do capital sobre as do traballo. Ademais desta circunstancia bastante obvia, insisto, o abaratamento do despedimento incidiría poderosamente sobre o equilibrio da capacidade de negociación das dúas partes, con claro prexuízo para a parte sindical sobre a que penduraría a continua ameaza da redución "barata" dos postos de traballo. Por último, o argumento de que o despedimento libre propiciaría un aumento da contratación resulta unha "boutade" de seu tendo en conta a cantidade de modelos de contrato lixo dos que dispoñen as empresas españolas hoxe en día para contrataren a quen queiran nas condicións que prefiran en cada momento.
Acabamos de soster que o mercado laboral non foi o causante da recesión pero si é o colectivo traballador, porén, o principal afectado. O paro achégase ó 20% e empezan a albiscarse as primeiras estimacións que prevén 5 millóns de parados en España. Por que estas cifras desorbitadas de desemprego moi por riba de calquera outro país da Unión Europea? Habería catro razóns básicas: os restos da reestruturación serodia do sector primario, factor que cada día ten menos impacto, a enorme sobreactividade do sector construción, o escaso peso no PIB das actividades de maior valor engadido e o pernicioso protagonismo da temporalidade no mercado laboral español.
Na miña opinión, a clave da posible reforma laboral debería ter como obxectivo reduci-las taxas de temporalidade, non só porque os traballadores temporais son os máis sensibles ós despedimentos en épocas de devalo senón porque os contratos temporais condicionan a formación dos profesionais, a motivación por mellorar como traballador e o imprescindible aumento da produtividade da economía española.
Na liña do contido anterior, a proposta dun grupo de 100 economistas presentado hai unhas semanas no FEDEA pode ser un bo punto de partida. En resumo, trataríase de elimina-los contratos temporais e asigna-las indemnizacións de despedimento en función dos anos traballados. Este colectivo propón algunha outra medida que coido merece ser estudada con fondura por parte dos axentes sociais. Sería un interesante campo de negociación que, de paso, desbotaría para sempre o fantasma do despedimento libre que algunhas seccións do empresariado e da dereita están a propugnar.
Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza