Vieiros

Vieiros de meu Perfil


LUGAR DOS ROMANZINHOS

Desde o areal de Estorde

09:38 24/02/2009

Escrito para o libro de homenaxe a Marcos Valcárcel.

Desde o areal de Estorde onde Marcos, María e a súa filla Eire viven días do verán, par de Sardiñeiro, logo do estenso areal de Lagosteira avánzase cara Fisterra e o mar aberto. Chegando ao Cabo contémplase a ría de Corcubión, o monte Pindo ao que convén subir para aquelar Galiza, a carón da Fervenza do Xallas en Ézaro, chegando as aguas xalleiras da planicie ondulada de Santa Comba, regando o secreto Mazaricos. Non se farta un de ollar a praia de Carnota, dividida pola Boca do Rio, continuada por Lariño, antes do Louro e Muros, baixo o alto das Paxareiras e as terras  debruzadas por Valadares e Suevos na ria da Noia do Tambre. Non lonxe a vista pode chegar ao Pico Sagro na terra de  Santiago, e para alén os longos vales do Ulla e do Deza e desde a vista dos nevados picos do cordal oriental, cima de Ponferrada.

Desde o onde acababa o mundo vese a Curota dos cabalos no Barbanza, co Río Pedras desabando cara á Arousa da Illa e enxérgase no horizonte o milagre de Corrubedo coa praia do Vilar. A mirada préndesa na Sálvora de Vilagarcía, a Lanzada e a península do Grove, as Ons de Pontevedra e as Cíes entre a Costa de Soavela e Baiona, nos montes da Groba, terra dos petroglifos, nas alturas do condado de Toroño, riba dunha costa atlántica granítica, no meio Oia,  como a da irlandesa Galway, entre o baixo Miño e a ría de Vigo e de San Simón. Desde o Monte da Alba e o Galiñeiro camiño de Tui, albíscase o cabo fisterrán. O curso miñoto xorde potente e calmo baixo o castro de Santa Tegra, alí como outra Ría Baixa. Ven o rio do Ourense de Ramón Otero Pedrayo, depois de definir a Terra Chá e Lugo e antes de percorrer Arbo, Melgaço, Salvaterra, Monção, Tui, Valença, Tomiño, Vilanova de Cerveira, Caminha, A Guarda.

Desde o Tegra a vista alóngáse a Moledo, Viana do Castelo, Vila do Conde.  Viana é acariñada polo Limia de Xinzo, Entrimo e o Lindoso, bordeando polo Sur a Peneda de Castro Leboreiro, antes de Ponte da Barca e Ponte de Lima. 

Tornando ao Cabo do mundo, mirando cara Inglaterra, alén do Centolo e o San Guillerme, frente ao Océano veñen a praia de Mar de Fora e a Arnela. Camiñando polo areal de Rostro, envoltos pola natureza, no  verán ou no inverno, con sol ou con chuva, co balbordo das ondas que baten sen parada, está Lires co río Castro e Nemiña, antes de Touriñán que discute a Fisterra a proximidade a América. Depois chega a Costa da Morte máis calada e asombrosa, Viseu, Moreira e Cuño antes de Muxía, Camariñas, o Cemiterio dos Ingleses, Trece sobendo o areal até o cume do monte, Santa Mariña, o grande areal de Trava, Laxe, Ponteceso do Anllóns, Corme, as Torres de Mens e Ponta Nariga, Malpica e as solitarias Sisargas, para arribar á grandeza areosa de Razo e Baldaio en Carballo, perto de Caión, o mar ártabro coa Coruña da Torre, a ría de Ares do Eume e o cabo Prior onda Ferrol, antes de Cedeira e a Vixía Herbeira no alto cantil europeu do Ortegal, a ría de Cariño e Ortigueira, Estaca de Vares, O Barqueiro e desde o monte as Ribeiras do  Sor, Vicedo, Viveiro e o Landro, Xove, Burela, Foz, San Martiño de Mondoñedo, as praias da Mariña e o Eo entre Ribadeo e A Veiga. Detrás ficaron As Pontes, Vilalba, Ferreira de Valadouro, Lourenzá, Mondoñedo, a Rañadoira, o Xistral.

O Cuiña ou o Mustallar nos Montes de Cervantes deixan adiviñar os cursos do Ancares e o Burbia baixando para Vilafranca do Bierzo, Pedrafita caindo o Navia antes de tornar por Becerreá camiño do mar, recollendo o Suarna de Fonsagrada e bordeando os Oscos, o Caurel e o destemido Lor, Trevinca co Tera abaixándose pola bacia glaciar en procura do Esla e dos arribes do Douro, Valdeorras e o Bibei do Sil, as Portelas e o Tuela baixando por Ermisende.

Frente aos altos da Ribeira Sacra, entre Nogueira de Ramuín e os soutos de Santa Cristina, xorde Monforte e toda a Terra de Lemos cruzada polo Cabe desde o Incio das castiñeiras.

Desde Manzaneda o horizonte montañento das serras de Montesinhos, a Coroa, Larouco, o Xurés. O Arnoia de San Mamede, por Maceda, Baños de Molgas, Allariz, Celanova, achegándose ao Rio Pai.

De Ribadavia, cara o Condado, a Serra do Suido enfrontando a Peneda, e collendo a vía do Ávia até o rio virar á esquerda para a serra, ao Carballiño, o pazo de Trasalba, Oseira e desde alí as aguas do Bubal uníndose nos Peares.

Antes, en Monterrei, o Támega de Verín, Chaves e Amarante para deitarse no Douro de Lamego e Porto. É subindo cara o norte, como na Ponte Romana todo é Minho.

Un mundo.
 

4,29/5 (28 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Camilo Nogueira (foto pequena)

Camilo Nogueira

Camilo Nogueira Román naceu en Lavadores (Vigo) en 1936. Enxeñeiro industrial e economista, foi eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004.



Máis opinións