Asubíos de cambio escóitanse na Illa caribeña. Leves asubíos, hai que poñer ben a orella: os cubanos “xa” poden entrar nos hoteis, alugar coches, contratar móbiles e mercar ordenadores e vídeos. En agosto, eliminaranse (agás rectificación do presidente Castro II) o teito salarial e o igualitarismo, talvez a mudanza de maior relevancia potencial se realmente é aplicada.
A historia de Cuba é relativamente sinxela: colonia española, ou sexa, inmisericorde explotación, deica a arteira voadura do Maine; pseudo colonia ianqui onde os norteamericanos vertían dólares en troques de clima, libertinaxe e diversión; triunfo da Revolución castrista no 59 e dependencia práctica da Unión Soviética, importador e exportador único (cana de azucre a cambio de todo o demais); colapso da Unión Soviética e comezo do “Período especial” durante o cal só cabía sobrevivir; finalmente, tempo entre séculos, potenciación do turismo, axuda de nacións afíns e interrogantes sobre a evolución interior.
E Galicia presente, actor e testemuña!
En 50 anos, o comunismo non cedeu un retrinco. Polo contrario: a falta de liberdade abrangue cada ámbito de actuación do individuo, ninguén aspira sequera á democracia, as institucións limítanse a aplica-las consignas, a información confúndese coa contaminación, a comunicación co exterior empécese ata límites surrealistas, cada sector é un monopolio estatal, os salarios (en torno a 35€ ó mes) iguálanse na miseria, a produción agraria minguou, a industria nunca chegou a nacer... Certo que aí está o bloqueo e certo tamén que USA tentou invadi-lo país (hai 47 anos!), e que a base de Guantánamo mantense enquistada (miserablemente enquistada) no extremo este do territorio. Razóns para, se cadra, odia-los veciños pero nunca abondas para a parálise e a decrepitude do réxime.
E Galicia doente, melancólica e decadente!
Trala enfermidade de Fidel e o cambio de irmán na cadeira presidencial, agroman certos movementos de apertura, minúsculos pero quizais significativos. Ante eles, o mundo reacciona de distinta maneira. Estados Unidos (cabía algunha dúbida?) intensifica o bloqueo, nesta ocasión na súa vertente financeira; a Unión Europea ratifica (bastante estupidamente) a cancelación das sancións ata entón vixentes inda que non aplicadas; Venezuela renova as garantías de abastecemento enerxético; China manda (vende) dende parques infantís ata ómnibus; Canadá continúa explotando as minas de níquel a cambio de proxectos de investimento, en especial de rehabilitación urbanística, así como de vizosos programas de captación turística; e España mantén os fluxos de investimento hoteleiro a tamén contribúe nalgúns proxectos de restauración.
E Galicia visitante e insignificante!
Porén, os cartos e os acordos afectan esencialmente ós ingresos do Estado e ós edificios públicos. Os cubanos seguen a sufri-las cartillas de racionamento, o cabalo salienta como medio de transporte básico, os artigos máis elementais continúan a ser degoirados coma obxectos de luxo, a labranza de moitas explotacións (minifundios particulares) aínda se fai con arados tirados por bois, a luz se corta con frecuencia, a auga é motivo de sobresaltos continuos, a iniciativa privada limítase a “guapear” (busca-lo pan como cada quen pode), as vivendas son ruínas, os coches cacharros vellos, nas farmacias nin se atopan aspirinas...
E Galicia, partida en dous, expectante e sufrinte!
Asubíos de cambio escóitanse... Porque agora os cubanos falan. Para queixarse. Amargamente. Xa non temen os Comités de Defensa da Revolución, en franca decadencia. Xa non miran por se algún veciño ou compañeiro vixía os seus pasos e, sobre todo, as súas verbas. O turismo trae imaxes e opinións difíciles de deslexitimar polos medios oficiais (os únicos, evidentemente). Internet facilita o acceso á información planetaria. E por riba de todo, en Xaneiro cumpriranse 50 anos da Revolución. Dunha gozosa Revolución que pouco a pouco foi perdendo credibilidade ata reducirse a unha interminable xeira de proclamas que ninguén cre. E frases de Martí. E fotos de Camilo. E imaxes do Che: lembranzas daquela gloriosa resistencia contra un odioso ditador.
Pasaron 50 anos e Cuba (os cubanos de Cuba) non aguanta máis.
E os galegos de Cuba, igual!
Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza