Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

Fame de libros

10:40 05/05/2008

Empezo a tomar notas para a redacción deste artigo o 23 de Abril, Día Internacional do Libro. A celebración ten algo de macabra: a data faise coincidir coas mortes de Miguel de Cervantes e William Shakespeare. Así pois, San Jorge (tamén San Jordi, patrón de Catalunya), soldado romano do século III, pouco ten que ver coa literatura malia que moitos o identifiquen co día do libro.

Doris Lessing, premio Nobel de Literatura 2007, titulou “Hunger for books” o seu discurso de aceptación do senlleiro galardón. Nel falou da súa experiencia en África e denunciou a inanición cultural que padecen os africanos fronte á luxuria e o dispendio que existe en torno ó mundo do libro en Europa. A escritora británica ilustra con episodios reais a necesidade extrema e desatendida de lectura por parte dos africanos.

O índice de lectura de Galicia estará, supoño eu, por riba da media de África. A lóxica do grao de desenvolvemento e a estruturación social dos distintos territorios explica a diferencia. O mesmo argumento, pero en dirección contraria, xustifica o mal dato galego cando se compara coa media española.

Se Galicia está á cola das Comunidades Autónomas en ratios de lectura non é por unha aversión natural dos galegos respecto dos libros. É, simplemente, porque a nosa poboación se atopa avellentada respecto á media estatal e, así pois, cunha inferior bagaxe formativa media. Ocorre o mesmo que cando se fala da penetración das novas tecnoloxías.

Xa que logo, lese pouco, igual que se usa pouco Internet, pola propia tipoloxía social e demográfica de Galicia. O índice de lectura non é un factor do escaso desenvolvemento senón unha consecuencia del. Non é unha causa senón un efecto. A maneira de mellora-lo dato será incidindo no ensino (máis literatura e menos gramática), procurando medidas de crecemento demográfico e conciliación familiar e reducindo a marcha dos mozos galegos cara a rexións con máis oportunidades laborais. Ou sexa, pouco que ver coa cultura e moito coa estruturación social.

Daquela, por que ese empeño das institucións por deseñar plans e programas ocasionais de fomento da lectura? Por que esa teima de xestiona-los recursos públicos sobre a base dos “rankings” e os “benchmarkings”? Por que trata-los síntomas en troques de ataca-las orixes dos problemas?

A Consellería de Cultura acaba de propor un Plan de Lectura por importe de 50 millóns de euros ata 2011. A maioría das medidas son ben intencionadas e mesmo algunhas imaxinativas. Agora ben, o seu impacto sobre os lectores potenciais do país vai oscilar entre o cero e a nada. Prefiro non aburrir coa análise de cada medida proposta pero coido que o programa demostra unha certa inxenuidade ou un chisco de descoñecemento sobre as pautas de consumo cidadán; porque, a fin de contas, una novela é un ben de consumo. De consumo de historias.

Cabe unha visión alternativa: a concentración do labor promocional a prol da literatura galega. No canto de dispararmos á lúa, apuntarmos a un obxectivo alcanzábel. Neste caso, a lúa sería “a lectura, en universal”; o obxectivo acadábel, “a literatura, en galego”. Fagamos uns numeriños, que inda que esteamos a falar de letras, non convén desbota-lo uso das ciencias.

A literatura galega, por moito que se diga, comente, discuta e redacte, atópase nun momento de bulimia profunda. Unha mostra: en catalán editáronse en 2006 (o estudo do 2007 está sen publicar) 1.054 libros de narrativa (novela e relato), 877 contemporánea e 177 clásica. Ademais, publicáronse 2.209 títulos de literatura infantil e xuvenil. Pola contra, en galego, tomando como base a sección “Todos os libros” do web do Consello da Cultura Galega, editáronse 29 libros de narrativa galega contemporánea, 4 de clásica e 26 traducidos ó galego doutras linguas. Ademais, publicáronse 84 para o sector infantil e xuvenil (a radiografía non cambia engadindo a poesía ou o ensaio).

A razón de tan minguada produción reside, principalmente, na falta de lectores. De feito, as vendas por título redúcense a uns poucos centos de exemplares. Non se debe, como se ten dito, á baixa calidade da literatura galega. Se así fose, as traducións terían unha maior resposta do mercado, o que non ocorre en absoluto. O problema radica na falta de masa crítica no sector, un concepto ambiguo que explico a seguir cunha pregunta.

Hai pouca demanda porque hai pouca oferta ou hai pouca oferta porque hai pouca demanda? Ámbalas dúas cousas. A falta de masa crítica nos dous bandos reduce a exposición do libro galego en tódolos eidos dun mercado. As revistas especializadas teñen grandes dificultades para cubri-los seus espazos, os programas de radio ou televisión pasan con máis pena cá gloria, as seccións dos xornais, xa ben reducidas, han recorrer a ensaios locais ou especialistas para publicar algo cada semana e os sitios web de literatura galega apenas contan con unha presada de usuarios.

A falta de masa crítica condiciona o labor dos distribuidores, das librarías, das bibliotecas e das escolas e reduce a atención sobre o libro galego nos medios de comunicación (xa pouco predispostos), nos clubs de lectura, dos cidadáns do común e mesmo dos líderes de opinión. O sector do libro galego ten que rachar de vez este ciclo conducente á inanición, esta crise brutal de cifras e falta de presenza.

Non hai fórmulas máxicas para problemas complexos, pero si hai liñas que favorecen a súa solución. A literatura galega precisa, sobre todo, promoción directa do seu produto. Non estamos a falar de campañas abstractas de fomento da lectura e a cultura interestelar, senón de accións de comunicación ambiciosas e intensas sobre cada libro publicado de literatura galega e mesmo sobre os propios escritores. Falamos sobre todo de publicidade nos medios, pero tamén de presenza visíbel nas bibliotecas, nos centros de ensino, nas librarías, nas asociacións culturais. Falamos de facer de cada libro en galego un pequeno acontecemento. Isto require cartos, xaora! Será por cartos... Temos 50 millóns de euros dispoñíbeis para catro anos. A uns 30 títulos de literatura galega publicados por ano, corresponderíanlle 400.000 euros de promoción por título. Abondos, non si?

Dispoñendo de programas específicos de promoción, as editoriais terían expedito o camiño para multiplica-los libros publicados. A cada premio literario de Galicia, preséntanse entre 20 e 30 obras, das que cando menos un tercio son publicábeis. Hai vocacións, hai escritores, hai obras. Falta a decisión de poñelas no mercado e promocionalas. Sobre todo, promocionalas. Con estas tales fórmulas, estamos seguros de poder esperta-lo apetito do público. O apetito polo libro galego e en galego.

4,04/5 (25 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións