Burka ou non burka? Esa é a cuestión. Cada vez son máis os concellos que deciden votar medidas prohibitivas con respecto ao uso do veo integral islámico na nosa sociedade. O debate está a chegar ata tal punto que Bibiana Aído, ministra de Igualdade, xa manifestou o seu temor a que rematemos con máis normativas municipais que vestimentas deste tipo.
O polémico anaco de tea omite a anatomía feminina, convértea en territorio vedado para os ollares. O corpo é unha propiedade privada que non lle corresponde á muller, senón ao seu amado amo, o único ser digno de contemplar ese obxecto que lle pertence por obra e gracia de Deus. Digamos que o burka son os pedreiros e a carne femia, unha leira para dar de pacer ás vacas.
Neste sofisticado primeiro mundo, tan libre e intelixente, temos claro que o veo integral é o símbolo do machismo máis exacerbado. Moitas das mulleres que o visten nin tan sequera poden decidir, presas do pánico. Outras teñen cravada, tan fonda, a súa condición subordinada, que non son capaces de cuestionar a situación que viven. Nosoutras, pola contra, somos quen de elixir. Somos unhas privilexiadas, é certo, pero non tanto como nos queren facer crer. O noso privilexio consiste en posuír pantallas (que non espellos) nas que mirarnos, voces electrónicas que nos dictan a definición do correcto, como debe ser a nosa vida, que roupa poñernos, cal é o peso ideal. Na gran civilización, tampouco existe o corpo feminino, existen esculturas esculpidas polo capitalismo. Máis tenue, case imperceptible, pero aquí, no epicentro do sistema, as autómatas industriais tamén levamos un burka na pel.
Natalia Alonso Ramos (Foz, 1983). Licenciada en Xornalismo. Logo de traballar en diferentes medios de comunicación privados do país, na actualidade está a rematar a súa tese de doutoramento na USC, onde tamén ten praza como investigadora. »