Seica os mercados castigan ao Estado Español pola falla de rigor no control das contas públicas. O crecemento do déficit -consecuencia en grande medida dunha moi pronunciada caída dos ingresos públicos- é efectivamente preocupante. Aínda así, os niveis de débeda pública española -ao redor do 60% do PIB- sitúanse por debaixo da media europea.
Porén, o verdadeiramente preocupante non é á débeda pública, senón a débeda privada que acumulan familias, empresas e entidades financeiras: esta representa máis do 300% do PIB. O déficit por conta corrente que ano tras ano vén rexistrando a economía española non responde a exceso público ningún, senón aos excesos privados vinculados á burbulla inmobiliaria convenientemente cebada polo sector financeiro. A acumulación de tamaña débeda é reflexo dun dos cambios estruturais máis relevantes acontecidos na economía española nos últimos anos que non é o outro que a financiarización das economías domésticas, en clara sintonía cos deseños do modelo Neoliberal.
Por iso chama a atención como a dereita económica e mediática pon agora o fincapé nos desequilibrios orzamentarios públicos cando aplaudiu os bestiais desequilibrios orzamentarios privados. Son eses, e non outros, os que convén enxugar.
Pd. A falla de dados concretos sobre endebedamento familiar en Galicia, hai indicios para pensar que este non é tan elevado como o da media española. Eis unha das razóns pola que a crise estaría tendo efectos menos destrutivos na nosa economía.
Nado en Outes (1975). Doutorouse en Economía Aplicada na USC logo de ampliar estudos na Universidade de Manchester e na Copenhagen Business School. Na actualidade é profesor no Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela. »