A Carme e Lidia, exemplos de compromiso
Metidos unha vez máis en mobilizacións agrarias –e xa levamos así varios anos–, acordeime dun brillante artigo do semiólogo italiano Umberto Eco titulado “Ao diaño a clase obreira”. O artigo en cuestión comezaba: “Como se lle pode pedir que se recoñezca como clase, con problemas comúns, a quen, se é que aínda traballa, o fai cada vez menos xunto con outros, durante períodos cada vez máis curtos e ve o traballo non xa como algo que se respecta senón que se soporta?”. Rotundo e claro.
Desde que Karl Marx e Friedrich Engels sentenciaran no seu manifesto que “os proletarios non teñen nada que perder (na revolución) agás as súas cadeas” levan mudado moitas cousas.
A nova clase obreira de inicios do século XXI, complexa, plural e máis diversa ca a de hai 150 anos, ten que perder moitas cousas materiais: a casa (aínda que con carga a unha hipoteca ), o coche... e sobre todo unhas condicións materiais de vida que na medida en que as estamos analizando, desde a óptica dunha filosofía materialista como é a marxista, non deixan de ter a súa importancia.
Namentres, segue a existir unha clase que, ao igual que hai 150 anos, continúa sen ter máis que perder ca as súas cadeas, e esta clase está organizada na nova internacional revolucionaria: Vía Campesiña.
En realidade, este papel de suxeito revolucionario téñeno asumido desde sempre.
E se os fundadores do socialismo sempre imaxinaron os procesos revolucionarios nos países centrais do sistema polo nivel de contradición entre as forzas produtivas e as relacións de produción, a realidade do imperialismo (tal como foi analizada por Lenin) ou da globalización teñen levado á periferia do sistema todo o proceso de cambio.
Rusia, China, Indochina, Cuba ou agora os movementos indixenistas e altermundialistas teñen no campesiñado un dos seus elementos centrais.
O desprezo ao campesiñado por parte dalgúns marxistas ten tido resultados negativos na relación da esquerda con estes.
Son dos que pensa que un dos elementos centrais dunha nova esquerda transformadora é precisamente entender o suxeito revolucionario como un espazo complexo, plural e dinámico desprazando do centro de gravidade ao proletariado.
E isto non porque a clase obreira é “en si” unha clase reformista ata que adquire o papel de clase “para si”, nin tan sequera porque os sindicatos leven desde a metade do século XX sen actualizar a súa misión, senón porque obxectivamente é a clase operaria a que máis contradicións ten para poñerse á fronte da superación do sistema.
Posición de obreiros e as súas centrais sindicais defendendo os postos de traballo dunha empresa altamente contaminante son habituais, pero indo mais aló,agora que o sistema demostra as contradicións cos limites do crecemento ou do modelo de desenvolvemento industrialista: podémonos acaso imaxinar os obreiros á fronte do proceso de recrear o desenvolvemento sostible ou o decrecemento, propondo a reconversión das empresas automobilísticas ou a redución da construción inmobiliaria necesaria para a especulación con dereitos como a vivenda ou claves para a destrución do noso hábitat?
Hoxe existen amplos sectores sociais enfrontados coa globalización capitalista, tanto nos seus aspectos sociais coma na defensa de diversas soberanías: ambientais, alimentarias, produtivas, lingüísticas...
As labregas están a xogar un papel de argamasa indispensable para unha acción global.
Nas últimas mobilizacións agrarias encabezadas polo SLG en Galicia, e pola ECVC en Europa, puidemos comprobar que arredor das compañeiras labregas xuntámonos xente que noutras circunstancias sería difícil que compartise a mesma mesa.
E non esquezamos que os pequenos labregos e labregas, a pesar do proceso de agroindustrialización impulsado polas grandes multinacionais de distribución, son e seguen a ser os que nos dan de comer.
Hoxe a batalla polo cambio social estase a dar fundamentalmente no campo, desde Brasil a Galicia, pasando por Ecuador ou pola India.
O apoio da xente que aspira a outra sociedade máis xusta e equilibrada pasa a ser central. Para crear sindicatos amarelos e/ou correas de transmisións no rural xa están outros.
Acordeime agora ao rematar o artigo que mesmo boa parte da literatura e a arte revolucionaria do século XX xa tiña nos labregos a súa musa. Paga a pena volver ver coa mirada crítica que imprime o tempo o filme Novecento.
Xoán Hermida González naceu en Pontevedra en 1965. Licenciado en Historia Contemporánea. Estivo ligado a diversos movemento sociais coma os Comités anti-Otan ou os CAF. Foi membro do Consello Confederal da CXTG, secretario de Organización de Esquerda de Galicia e coordinador do Grupo Parlamentar Mixto entre 1997 e 1999. Activista altermundista, participou no primeiro foro social europeo en Firenza. Foi Director da ONG AMARANTE desde outubro de 1999 a outubro de 2007. Actualmente é responsable de comunicación e RR.HH. da devandita organización. As súas reflexións poden consultarse tamén na bitácora Galiziaecosocialista. <!-- @page { margin: 2cm } P { margin-bottom: 0.21cm } »